Alakrana vs Miguel Ángel Blanco

O asunto do Alakrana, pesqueiro español secuestrado por “piratas” (xa dixen non hai moito o que pensaba sobre isto), agora elevados á categoría de Corsarios pola Radio Galega, ten moi mala pinta, e todo apunta a que rematará mal polos precedentes que xa hai. E o precedente non é outro que Miguel Ángel Blanco -acordades?, aquel mozo secuestrado por ETA que deu un prazo de 48 (agora igual) para que o goberno español, daquela gobernado por Aznar, achegara os presos a Euskadi senón matábano? Pois xa sabedes que pasou: matárono no medio dunha catarse colectiva sen precedentes no Estado Español, porque, segundo Mayor Oreja e o Goberno Aznar, secundando polo PSOE, daquela na oposición, o “estado de dereito” non podía ceder á chantaxe dos terroristas. A partires de entón, Miguel Ángel Blanco é un mártir.

Pois a historia repítese, pero neste caso non é ETA quen secuestra, son uns “piratas” ou “corsarios” que piden a liberación do famoso “pirata” Willy, ese mozo que non se sabe se é maior de idade ou non, e que formaba parte do grupo que asaltou o Alakrana. Daquela, se temos en conta os precedentes o futuro que lles espera aos galegos e vascos secuestrados xa sabemos cal é: a morte. Pero nesta ocasión hai unha grande diferencia, estes non serán mártires nos que poida parapetarse o goberno español, desta volta serán unha pesada lousa.

Desde logo se ambos, piratas e etarras, son delincuentes, por que ía actuar de diferente xeito o goberno español? Por que ía ceder o estado de dereito? Pois para min, tanto no caso de Miguel Ánguel Blanco como no dos pescadores galegos e vascos, para salvar vidas humanas.

A razón está no vento



Gracias Xosé pola información que me envías e polo traballo que pasas para sacarlle as cores a máis dun.

Fusionarse ou non fusionarse

Eu a priori opoñeríame a calquera fusión entre as caixas, cuestión esta que estendería ao resto das empresas. A fusión concentra o poder en poucas mans e atenta contra intereses dos consumidores, minguando a competencia. Mais no contexto económico e político actual, no caso da fusión das caixas galegas, Caixa Nova e Caixa Galicia, decántome pola fusión de ambas polas seguintes cuestións.

En primeiro lugar porque o goberno central do PSOE, co apoio do PP -non o olvidemos- aprobou hai poucos meses o FROB (Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria), que con un fondo de 9.000 millóns iniciais, pero que pode chegar até 99 mil millóns, regula paseniñamente a reordenación do sistema financeiro do estado, que pretende eliminar a atomización das entidades, e, no caso das caixas, privatizar estes entes financeiros que non nin públicos nin privados, abrindo a porta a que entre capital privado doutras entidades financeiras, mesmo doutras comunidades autónomas.

En segundo lugar pola debilidade das caixas, que se viron, malia aos artificios contábeis, sacudidas pola crise (a estas alturas as caixas e bancos teñen no seu poder miles de inmóbeis, que proveñen dos embargos, aos que non lle poden saída polo contexto da crise). Esta debilidade fai que sexa vulnerábeis e, ou se fusionan entre elas, ou son absorbidas por necesidade.

En en terceiro lugar, e tendo en conta o anterior, é dicir, o FROB e a debilidade das caixas, cun goberno galego presidido polo PP, ao que lle importa nada Galiza, que tanto lle ten que as Caixa Nova e Caixa Galicia sexan ou non galegas, neste contexto, é imprescindíbel a fusión se non queremos que o noso país perdas as únicas entidades financeiras que ten, e con iso un instrumento que debería servir para invertir no país (iso xa é outra historia).

Por este motivo, eu decántome pola fusión, e xa sei que tería custes laborais, pero no contexto actual custes laborais vai habelos de todos os xeitos, porque Caixa Galicia e Caixa Nova non poden resistir sen fusionarse,e mellor entre elas que coas de fóra; pero parece que Caixa Nova prefire “alianzas “ (xa sabemos en que se traduce iso ao final) cos de fóra antes que cos de dentro para resistir a crise.

Pasou o día pasou a romaría

Milleiros de persoas percorreron o día 18 de outubro as rúas de Santiago na defensa do Galego. Entre elas había destacados membros do PSOE, cuxo líder, Pachi Vázquez, días atrás abrira a porta para facer co-oficial a forma “La Coruña” para denominar a esta cidade, ao tempo que se mantiña a galega. Recuaron, pero nestes días o PSOE coruñés (pasou o día pasou a romaría), volve á carga, desta volta para cuestionar, xunto co PP, a lei de Normalización Lingüística, que foi votada por ambos os dous partidos. Mesmo o Alcalde, Javier Losada, escribiulle unha carta a Feijoo instándoo oficializar o deturpado topónimo La Coruña.

Está claro que o PP e o PSOE coruñés coinciden no seu posicionamento a respecto do topónimo (en outras cuestións seguramente tamén), e se Javier Losada, o Alcalde, non dá un paso fronte para oficializar “la coruña” da man do PP, é porque goberna co BNG. A ver que pasa en 2011.

Interrogatorio a Carlos Callón

O luns 18, Carlos Luís Rodríguez fíxolle unha “entrevista” a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, no seu programa Foro Aberto da TVG, a televisión pública.

Segundo a Wikipedia, unha entrevista é “unha conversación entre dúas ou máis persoas (o entrevistador e o entrevistado) onde as preguntas son feitas polo entrevistador para obter información do entrevistado”. Pois o que poderedes ver a continuación seméllase máis a un interrogatorio que a unha conversa entre dúas persoas; un interrogatorio normalmente fáiselle a unha persoa que comete un delito. Polo que se ve, Carlos Callón si cometeu un delito: defender o idioma galego. Calquera día depórtano a Guantánamo por ser un perigoso activista lingüístico.



Carlos Callón ''entrevistado'' por Carlos Luís Rodríguez
Cargado por nagalizaemgalego. - Vídeos de noticias del mundo entero.

O Xornal de Pachi

Xornal naceu nos últimos meses do bipartito, como unha iniciativa xornalística plural, en clave de esquerda e nacionalista. Hoxe, quedando lonxe os ecos dos goberno da Xunta presidido polo BNG e o PSOE, vemos que este xornal deixou de ser plural para converterse na practica nun voceiro do PSOE galego.

Onte analicei as noticias das 13 primeiras páxinas deste xornal: 6 son noticias relacionadas co PSOE, outras 6 co PP, todas elas, agás a presentación dos orzamentos da Xunta, relacionadas co caso Gürtel, e 1 na que aparece o BNG, pero misturando tamén ao PSOE e á Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo título é “A oposición di a Feijóo que escoite o clamor popular sobre o galego”.

Como se pode supoñer, isto é calquera cousa menos pluralidade. O que si lle recoñezo é a utilización do galego que destaca por encima do resto, pero fóra diso, “rien de rien”.

O curioso é que este xornal nace ao abeiro do concurso eólico, e foi, xunto cos intereses económicos que había detrás do concurso eólico, un dos detonantes da furibunda campaña de acoso e derribo de La Voz de Galicia ao BNG. Con todo, calquera vinculación deste xornal co BNG é pura coincidencia, xa que dentro do súa dirección están socialistas como Ceferino Díaz, Miguel Barros ou populares como Victorino Núñez. Polo tanto non é de estrañar que este xornal estea tan escorado a certo sector político de Galiza.

--
Venres 23.
Ollando unha vez máis o Xornal de Galicia, vexo que o BNG segue desaparecido. Só hai unha noticia, unha entrevista ao Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, referida ao nacionalismo galego, concretamente na páxina 13. E non busquemos máis por non hai. A sección de noticias referidas a Galiza son todas para o PP e para o PSOE, para os primeiros, outra vez sobre o caso Gürtel, algunha moción de censura, e o resto para os socialistas, denunciando estes feitos. U-la pluralidade? Chi lo sa!!!

18-O: o día da dignidade


A Plataforma Queremos Galego, sen altofalantes mediáticos que a axudaran, encheu por dúas veces a Praza da Quintana, para clamar polos dereitos do galego que o PP teimudamente nos quere arrebatar.


A lista do Conselleiro de Educación

Primeiro ameaza con sacar unha listas onde, supostamente, figuraban os nomes e apelidos de altos cargo dos BNG e o PSOE do anterior goberno que levaban as súas crianzas ao ensino privado, logo dunha interpelación de Carme Adán, Deputada do BNG. Non só ameaza, senón que as ensina, cousa que se pode ver perfectamente no vídeo. Máis tarde, noutra comparecencia, xa non se acorda de nada, e onde dixo digo, dixo Diego. E non só iso, segundo informa o BNG na súa web, o PP negouse a visualizar este vídeo na Comisión de Educación.

Velaí tedes o vídeo.

E ti, non pensarás quedar na casa o domingo 18 de outubro?